Xosé María Álvarez Blázquez
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 5 de febreiro de 1915 - Vigo, 2 de marzo de 1985) foi un escritor (poesía, narrativa e ensaio), arqueólogo, investigador, e editor galeguista. É un dos representantes da poesía neotrobadoresca. Será o homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2008.
Biografía
Xosé María Álvarez Blázquez pertence a unha saga de escritores que ten os seus antecedentes no seu avó Emilio Álvarez Giménez, seguiu co seu tío Xerardo Álvarez Limeses e compartiu co seu irmán Emilio Álvarez Blázquez. O encarceramento e posterior fusilamento do seu pai, o médico Darío Álvarez Limeses, o 30 de outubro de 1936 por parte das forzas golpistas contra a II República, marcárano de por vida (como ao resto dos seus irmáns, Darío, Celso, Alfonso, Emilio e Álvaro), sendo sancionado en 1937 polo goberno de Franco coa suspensión de emprego e soldo como mestre da escola de Coia (onde nunca chegou a exercer) e co traslado á de Coreses, en Zamora.
É unha das figuras máis laboriosas da cultura galega, con unha gran actividade que chega dende a literatura (novela, poesía, teatro) ata a investigación coma arqueólogo e a súa tarefa coma editor e galeguista, militando na Federación de Mocedades Galeguistas e no Partido Galeguista.
É un dos representantes da poesía neotrobadoresca, vangarda poética xurdida ao redor de 1930 debida á difusión en Galiza da lírica medieval galego-portuguesa .
En 1950 fundou con Luís Viñas Cortegoso a Editorial Monterrey. En 1962 ingresa na Real Academia Galega. Funda, xunto aos seus irmáns Álvaro e Emilo Edicións Castrelos en 1964, da que foi director xerente, e na que destacan as súas coleccións de O Moucho, de libros do pobo para o pobo, uns libriños de baixo prezo e gran difusión que marcaron época nos anos 60 e 70 do pasado século que contaron con unha grande aceptación por parte dos lectores, como destaca as reedicións de O catecismo do labrego, é nesta ano tamén premio Club de Ribadavia. En 1967 é premio Noriega Varela. En 1968 é premio das Letras da deputación Provincial de A Coruña. En 1971 é premio Cidade de Vigo. Foi cronista oficial da cidade de Vigo.
Dedicou atención ao estudo da Arqueoloxía, que tivo como resultados os descubrimentos de laudas sepulcrais da época romana en Vigo, das industrias paleolíticas do Baixo Miño e das Gándaras de Budiño, de restos dunha instalación romana de obtención de aceite de oliva en Teis (Pontevedra), unha cisterna con enxoval funerario da época do bronce en Atios (Pontevedra), etc.
Na investigación literaria descubriu a égola Belmiro e Benigno de Pastor Díaz, e realizou contribucións a época chamada da Decadencia (Escolma de Poesía Galega t.II), con investigacións que alcanzan ao teatro, as panxoliñas, a poesía lírica, a prosa político-social, a poesía panfletaria, o romanceiro, etc., da citada época.
Xosé María Álvarez Blázquez colaborou en diversos medios (BBC de Londres, Radio Vigo, Prensa de Galiza, Portugal e América, etc.) e pronunciou moitas conferencias en España e no mundo. Algúns dos seus poemas teñen sido musicados polos mestres Freitas Branco, Rodolfo halff-ter, Groba Groba e Ignacio Iglesias. Mostras da súa obra poética figuran en antoloxías de Enrique de Arcoaga, Varela Jácome, Fernández del Riego, González Alegre, etc. A súa novela En el pueblo hay caras nuevas foi traducida ao francés (Nogent-sur-Marne, 1969).
Xosé María, Alfonso e Celso Álvarez Cáccamo, escritores os tres, advirten que a figura do seu pai ten máis relevancia na historia cultural recente de Galicia que o lugar que ocupa na historiografía. Os tres coinciden en sinalar que «a súa actitude modesta marcou o seu desinterese por figurar».
Obras
Narrativa
- Os ruíns, 1936 (relatos)
- El crimen de la isla verde, 1941
- En el pueblo hay caras nuevas, 1945 (novela en castelán, finalista do Premio Nadal)
- Una cabaña en el cielo, 1952
- Las estatuas no hablan, 1955
- Crecen las aguas, 1956
- A pega rabilonga e outras historias de tesouros, 1971 (narrativa infantil)
Poesía
- Abril, 1932
- Poemas de ti e de min, 1949 (poemario co seu irmán Emilio Álvarez Blázquez)
- Roseira do teu mencer, 1950 (poemario)
- Cancioneiro de Monfero, 1953 (poemario)
- Romance do pescador peleriño, 1954 (poemario)
- Escolma de epigramas, 1968 (poesía)
- Canle segredo, 1976 (escrito en 1954) (poemario)
Ensaio
- El libro del por qué?, 1945
- Arquitectura rural gallega. Un plano de Fray Manuel Caeiro, 1948
- Industria paleolítica de la comarca de Tuy, 1949
- Vigo, 1950
- Romerías gallegas, 1951
- O vencello espiritual dos Fisterres Atlánticos, 1951
- Industrias paleolíticas do Baixo Miño, 1952
- Escolma de poesía medieval, 1975
- Escolma de poesía galega II: A poesía dos séculos XIV a XIX, 1959
Teatro
- El zapato de cristal, 1947
- Los pazos altivos, 1947
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire