Ata hai ben pouco as mulleres concretas e individuais cos seus desexos e preocupacións non aparecían nas plasmacións artísticas porque tiñan moi restrinxido o acceso como productoras de arte e non dominaban o ámbito que a sociedade patriarcal define e valida como arte verdadeira. Deste modo, as mulleres foron rexeitadas como creadoras e por tanto, a súa visión do mundo e de si mesmas case nunca foi exposta aos demais. As poucas mulleres que malia as enormes trabas acadaron importantes logros foron, en xeral, ignoradas pola Historia do Arte. Por outra banda, a arte e, na actualidade, tamén a publicidade, constrúen unha muller inventada e pouco cambiante. Prescíndese, en xeral, das mulleres de carne e oso xerando unha construcción universal que contenta as fantasías e os desexos que os homes desenvolven nunha sociedade onde a eles tamén se lles impoñen uns determinados valores tipificados como masculinos e bos. Certamente unha análise seria amosará outras produccións artísticas que non encaixarán neste esquema tan simplista. Porén, é innegable que non facer unha reflexión desde unha perspectiva de xénero é ocultar o papel que a arte ten como xustificadora de roles e constructora de conciencias.“A historia da arte
nega ás mulleres e afirma á muller”
Marián L.F.Cao (Profesora da Universidade Complutense de Madrid)
(VIA O SEGREL DO PENEDO)
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire