27.3.08


Día Mundial do Teatro – 27 de marzo de 2008
Mensaxe Internacional
por Robert Lepage

Existen numerosas hipóteses sobre as orixes do teatro, pero a que máis me chama ten forma de fábula:
Unha noite, en tempos inmemoriais, un grupo de homes reuniuse nunha canteira para se quentar arredor do lume e contar historias. De súpeto, un deles tivo a idea de se erguer e utilizar a súa sombra para ilustrar o seu conto. Usando a luz das lapas fixo aparecer personaxes inmensos sobre os muros da canteira. Os outros, abraiados, recoñeceron un por un o forte e o débil, o opresor e o oprimido, o deus e o mortal.
Hoxe en día, a luz dos proxectores substituíu o lume orixinal, e a maquinaria escénica, os muros da canteira. E aínda que lles pese a algúns puristas, esta fábula lémbranos que a tecnoloxía está na mesma orixe do teatro e que non debera ser percibida como unha ameaza, senón como un elemento unificador.
A supervivencia da arte dramática depende da súa capacidade de se reinventar asumindo as novas ferramentas e as novas linguaxes. Se non, como podería o teatro seguir sendo testemuña dos grandes feitos da súa época e promover o entendemento entre os pobos, se el mesmo non dá probas de apertura? Como podería xactarse de ofrecer solucións aos problemas de intolerancia, de exclusión e de racismo se, na súa mesma práctica, se resiste a toda mestizaxe e integración?
Para representar o mundo en toda a súa complexidade, o artista debe propor formas e ideas novas e confiar na intelixencia do espectador, capaz de distinguir a silueta da humanidade neste xogo perpetuo de luces e sombras.
E é certo que de tanto xogar con lume, o home corre o risco de se queimar, pero ten tamén a posibilidade de abraiar e iluminar.
*******
O DIA MUNDIAL DO TEATRO foi creado en 1961 polo Instituto Internacional do Teatro (ITI). Dende entón, todos os 27 de marzo os centros do ITI e a comunidade teatral internacional conmemoran a ocasión a través de diferentes eventos e actos públicos.
Un dos máis importantes é a circulación da Mensaxe Internacional, tradicionalmente escrita por unha personalidade do teatro de talla mundial convidada polo Instituto Internacional do Teatro. Este ano, a mensaxe está asinada polo recoñecido director canadense Robert Lepage (Quebec, 1957). International Theatre Institute Unesco - 1 rue Miollis - 75732 Paris cedex 15 - FRANCE
TEL : +33 (0)1 45 68 48 80 FAX : +33 (0)1 45 66 50 40 iti@unesco.org http://www.iti-worldwide.org
VÍA:Bibliotecas escolares de Galicia

Aucun commentaire: